O servizo @coag.es permite dispoñer dunha conta de correo profesional vinculada ao Colexio, cun dominio recoñecible, soporte de primeira liña desde o COAG e outras prestacións asociadas, como maior capacidade de almacenamento, videoconferencias, ofimática en liña ou funcións de asistencia IA no contorno do correo.
Na actualidade, o servizo préstase sobre a plataforma Google Workspace. Nos últimos anos, este tipo de plataformas evolucionaron cara a solucións máis amplas de comunicación e colaboración profesional, nas que o correo electrónico é só unha das funcionalidades.
Esta evolución ten impacto directo no custo do servizo. O COAG contrata a plataforma de forma agregada para un número elevado de contas, polo que as condicións comerciais e de licenzamento se sitúan nun ámbito máis próximo ás solucións corporativas avanzadas que aos servizos individuais de correo. Isto fai necesario revisar periodicamente o equilibrio entre o custo real da plataforma, as prestacións dispoñibles e o uso efectivo que fan os colexiados/as da súa conta @coag.es.
Neste contexto, o COAG está analizando a evolución futura do servizo @coag.es. Entre os escenarios a valorar poderían estar a súa continuidade co provedor actual, a súa adaptación a diferentes perfís de uso, a incorporación de novas funcionalidades opcionais, o cambio de plataforma ou incluso, se o modelo deixase de resultar sostible, a non continuidade do servizo.
Para orientar mellor esta análise, no caso de que xa utilicies a conta, queremos coñecer que funcionalidades valoras máis, así como que interese terías en outras prestacións adicionais, incluídas as relacionadas coa intelixencia artificial. No caso de que non utilices a conta, gustaríanos coñecer baixo que condicións e prestacións si estarías interesado en suscribila.
A enquisa é breve e a túa resposta será de gran utilidade para tomar decisións máis axustadas ás necesidades reais dos colexiados/as.
Moitas grazas pola túa colaboración!